Se che interesan os temas relacionados coa cultura tradicional galega visita os nosos blogs:
http://www.xogostradicionais.blogspot.com/
http://www.acabravella.blogspot.com/
viernes, 24 de julio de 2009
martes, 21 de julio de 2009
Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionados co viño:
- A choiva polo San Xoán tolle o viño e non dá pan: Expresa os efectos perxudiciais da auga nunha época do ano na que as prantas e os froitos precisan sol e calor para medrar axeitadamente, en consonancia con aquel outro que di "Máis vale o que o sol deixa que o que a auga cría";
- Con pan e viño ándase o camiño: Xa comentado noutra entrada;
- Polo San Martiño avilla o teu viño: Marca o momento de ano no que o viño novo está en condicións de ser consumido;
- Caír (ou tirar) o viño, sinal de alegría, caír (ou tirar) o sal, malo sinal: Superstición; cando se derramaba o viño na mesa, unha persoa mollaba nel un dedo e facíalle unha cruz na frente ós demais para darle boa sorte, pero nono podía facer a si mesma, senón que tiña que ser outro quen llo fixera;
- Era o viño o que falaba por el: Alude ós efectos perniciosos do consumo abusivo de alcohol e, en particular, á desinhibición provocada polo mesmo;
- O viño fai ó vello mociño: Alude ó efecto de euforia que produce a súa inxesta.
- Bautiza-lo viño: Engadirlle auga para quitarlle máis proveito. Xa o di a copla:
teñen moito parecido:
os cregos bautizan nenos
e os taberneiros o viño.
lunes, 20 de julio de 2009
Léxico: bocois, pitotes, pipas...

Os recipientes nos que se conservaba o viño na adega, todos eles de forma similar, recibían diferentes nomes, principalmente en función da súa capacidade:
- Barril: máis pequeno que o bocoi;
- Barrica: barril pequeno; este nome tamén se aplicaba ós recipientes empregados para comercializar os arenques e as sardiñas afumadas;
- Bocoi: de gran capacidade, entre 300 e 700 litros;
- Cuba: de gran capacidade, soía colocarse en posición vertical;
- Fuste: pipa;
- Pipa: máis pequena que un bocoi; entre 250 e 500 litros;
- Pipo: pipote;
- Pipote: pipa pequena;
- Tinalla: non tiña tapa; era un medio bocoi que se empregaba para ferver o bagazo durante varios días antes de vertelo nas pipas;
Os paisanos galegos raramente expresaban a capacidade dos recipientes para líquidos, principalmente o viño, en litros, senón en olas (16 litros), en moios (16 olas, aproximadamente 258 litros) ou en medios (8 olas, 125 litros); a ola galega equivale á cántara de Castela.
Facemos notar que ó empregar como base 0 16 podían dividir varias veces por metades obtendo cantidades enteiras (16, 8, 4, 2, 1).
Suscribirse a:
Entradas (Atom)