viernes, 24 de abril de 2009

UTENSILIOS DE COCIÑA


A ALIMENTACIÓN...


A conservación dos alimentos:



Cada producto alimenticio tiña a súa época do ano, sendo o verán e principalmente o outono as tempadas nas que máis abondaban as colleitas.

Moitos deses productos consumíanse a medida en que se ían recollendo: xudías, leituga, tomates, pementos, etc., pero outros había que conservalos para seren consumidos no inverno.


As principais técnicas de conservación eran:
  • a salazón: salábase gran parte da carne de porco e algúns pescados;


  • o afumado: afumábase carne de terneira para obter a cecina, os chourizos e algúns pescados;


  • o secado: secábanse as sementes case todas, as fabas, as herbas aromáticas, as cebolas, os allos...;


  • o envasado (despois de cociñado): a manteiga de porco ou de vaca, o doce de membrillo, as mermeladas...;


  • o enlatado: principalmente conservas de pescado;

A diferencia dos anteriores, o enlatado non se facía nas casas, senón nas diversas fábricas establecidas nas nosas rías.










miércoles, 22 de abril de 2009

UTENSILIOS DE COCIÑA


Pá de ferro para quita-la borralla da lareira.

miércoles, 15 de abril de 2009

O PAN



Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionadas co pan:



  • Polo pan baila o can;
Toda aquela persoa que fai algo espera unha recompensa polo seu esforzo e tamén hai ocasións nas que é preciso ofrecer cartos ou favores se queremos obter un favor ou servizo.
Ten unha variante:
Polo pan baila o can
e polo carto se está farto.
O siñificado é totalmente diferente: cando unha persoa está necesitada fai calquera cousa con tal de satisfacer esa necesidade, pero se non é así, será moito máis esixente á hora de pechar un trato ou chegar a un acordo.


  • Poñer a alguén a pan pedir;
Censurarlle severamente un comportamento, rexoubalo, desaprobalo publicamente.


  • Andar a pan pedir;
Estar na miseria, carecer de recursos económicos. Sendo o pan non só un alimento básico, senón tamén a representación simbólica do que precisamos inexorablemente, andar a pan pedir é, desde o punto de vista económico, a peor situación pola que pode pasar unha persoa.


  • Con pan e viño ándase o camiño;
Tanto o pan coma o viño teñen na cultura tradicional un carácter simbólico: o pan representa as necesidades máis elementais do ser humano e o viño as necesidades espirituais e sociais. O pan quita a fame e o viño dá alegría. Curiosamente o cristianismo escolleu estes dous elementos como base da súa liturxia.

  • A falta de pan boas son tortas;
Se non podemos acadar aquilo polo que devecemos, temos que conformarnos con aquilo que temos. As tortas facíanse con rebandas de pan reseso molladas en leite, rebozadas en ovo e pasadas pola sartén (tortas de leite) ou simplemente tostadas na tixola e molladas en viño tinto (tortas de viño). Ás tortas de leite podían espolvorearse con canela.

  • Pan para hoxe e fame para mañán;
Dise daquilo que, resolvendo un problema inmediato, dificulta a súa solución definitiva.


  • Pan con pan, comida de tontos;
Podemos explicalo con outro dito "o pan pide o compango", é dicir o acompañamento doutros productos alimenticios (queixo, embutidos, chiculate...).


  • O queixo pide o pan;
Dito gastronómico que alaba a combinación destes dous productos.


  • Gaña-lo pan;
Traballar, esforzarse para merecer un salario ou unha recompensa.


  • Non teñen para pan e mercan estampas;
Dise daquelas persoas con escasos recursos que, en vez de empregalos para satisfacer as súas necesidades, gástanos en adquirir cousas supérfluas.


  • Contigo pan e cebola;
En estando coa persoa amada non nos importarán as penalidades materiais.


  • Estar a pan e auga;
Estar castigado.


  • Non está o forno para bolos;
Estar de mal humor ou irascible, se se refire a unha persoa; non ser o momento oportuno, se se refire a unha situación.

  • Dar o bolo (da Pascoa);
Dar pola Pascoa o padriño e a madriña un obsequio ós seus afillados. Primeiramente o bolo era unha peza de pan de trigo, logo foi sustituído pola rosca e actualmente por figuras de chiculate e tamén outros regales calisquera ou cartos.


  • Parecer un barredoiro;
Andar suxo.

  • Vengan días y caigan panes:

Dise dunha persoa que traballa por conta allea e que pon pouco interés no seu traballo porque ten asegurado o seu salario.

UTENSILIOS DE COCIÑA

Tina para frega-la louza.

OBXECTOS CURIOSOS


Vaso plegable
Un vaso de estaño formado por tres módulos coa súa caixa de cartón forrada de papel estampado que vin na casa da miña avoa no Concello de Vedra a comezos dos anos 60.
O perfecto estado de conservación da caixa faime pensar que o obxecto nunca se utilizou. Probablemente chegaría á casa procedente de América, pois había emigrantes na familia.
Hai uns anos comercializouse un obxecto similar pero con tapa, de material plástico e destiñado ós nenos.

lunes, 6 de abril de 2009

UTENSILIOS DE COCIÑA


Fresqueira.
Empregábase para conservar alimentos que precisaban ventilación e, ó mesmo tempo, poñelos a salvo dos animais, principalmente dos gatos.
Gardábanse nela sobre todo o queixo, a manteiga e o leite, tanto preso coma fervido.

AS COCIÑAS GALEGAS


Lareira baixa con cambota, gateira ou borralleira e columna.
Coa introducción das cociñas de ferro, tamén chamadas "bilbaínas", algunhas lareiras desapareceron, pero outras simplemente se reduciron en tamaño e seguíronse empregando para facerlle a comida ós animais, como sistema de calefacción do fogar ou para a preparación de certos alimentos como as filloas, por ejemplo, ademáis de servir para o aproveitamento da leña que non servía para a bilbaína.

miércoles, 1 de abril de 2009

UTENSILIOS DE COCIÑA


Porrón, botixo
Eran empregados principalmente polos labregos e os traballadores da construcción pola súa cualidade de mante-la auga fresca.
Era un utensilio moi hixiénico, pois cada un tiña que beber sen toca-lo picho.
Cando se extendeu a traída de auga desterrouse paulatinamente o uso de sellas e baldes, pero en moitas vilas a xente seguía usando os porróns para ir buscar auga para beber ás fontes e manantiais, pois desconfiaba de que a da rede municipal reunira condicións para o consumo humán.

Os porróns de cristal empregábanse principalmente nas tabernas e para o viño.