lunes, 28 de diciembre de 2009

domingo, 1 de noviembre de 2009

Coplas relacionadas co casamento

Abondan as que resaltan as ventaxas e os inconvintes de casar cun home ou con unha muller segundo o seu oficio ou profesión.

Non te cases cun ferreiro
que che queiman as muxicas;
cásate cun carpinteiro
que che fai cousas bonitas.

Non te cases cun ferreiro
que é moi malo de lavar-e,
cásate cun mariñeiro
que ven lavado do mar-e.

Mariñeiro non,
que vai e non ven;
quero un barbeirño
que me afeite ben.

Non quero home pequeno
e máis hame de valer,
que me parece na casa
unha escoba de barrer.

Tamén as que se refiren ós casamentos a trato ou entre un vello e unha moza:

-Dime, casadiña nova, (1)
como che vai de casada;
-O meu home está moi vello,
non me sirve para nada.

Heime de casar cun vello
por fartarme de rir-e;
poñerlle a cama nun alto,
onde non poida subir-e.

(1) Outras coplas comezan do mesmo xeito:

Dime, casadiña nova,
a cor que cha levou;
pasáche-lo río cedo,
a auga te mareou.

Tamén o dote aparece no cancioneiro tradicional:

Heiche de dá-lo boi mouro
e maila vaca marela,
e maila filla máis nova,
se non queres a máis vella.

Unha filla non é nada,
dúas fillas algo son,
tras queiman a casa,
catro déixana un carbón.

Miña nai por me casar-e
ofreceume canto tiña,
agora que estou casada
pagoume cunha galiña.

Abondan as coplas que fan alusión ás difíciles condicións de vida das mulleres casadas, principalmente aquelas que teñen que convivir coa familia do home (sogros, cuñados, tíos solteiróns...)
Eu caseime por un ano
por saber que vida era;
o ano vaise acabando,
solteiriña quen me dera.

Solteiriña non te cases,
non deixes a boa vida
que algunhas de estar casadas
quéixanse ó outro día.

Menos frecuentes son as coplas postas en boca dos mozos:
Tanta laranxa podrida,
tanto limón polo chao,
tantas rapazas bonitas,
nengunha da miña man.

domingo, 25 de octubre de 2009

Utensilios de cociña

Vaso e copa

Trabalinguas

Las niñas tienen sus ojos
y los ojos tienen sus niñas;
y las niñas de mis ojos
son los ojos de mis niñas.

Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionados co casamento

  1. Á muller casada o seu home lle basta;
  2. A muller coa que te casares que non che gañe en herdades;
  3. A muller que non sabe remendar non serve para casar;
  4. A vida de casados non é coma a de namorados;
  5. Aquela é ben casada, que non ten sogra nen cuñada;
  6. As palabras de casar non son as de namorar;
  7. Casamiento y mortaja, del cielo bajan;
  8. Dígoche fillo, enténdeme nora;
  9. Dous que dormen no mesmo colchón son da mesma condición;
  10. Entre casados fanse as paces deitados;
  11. Fillos da miña filla, netos do meu corazón; fillos da miña nora, ou o serán ou non;
  12. Home casado, burro cansado;
  13. Home casado, muller é;
  14. Home cobarde, casa mal e casa tarde;
  15. No casamento, nen portugués, nen vento;
  16. O casado casa quere;
  17. O casar quere acertar;
  18. O martes non te ceses nen te embarques;
  19. O que ten palitroque busca dote;
  20. Unha filla casada é unha ansia fóra;

O enxoval

O enxoval é o conxunto de enseres, prendas de vestir e de cama e mobiliario que os noivos aportan ó matrimonio.
As aportacións do home e da muller na cultura tradicional galega estaban perfectamente diferenciadas; tamén había diferencias segundo a posición económica de cada un deles, ó ámbito no que residiran (rural ou urbán) e, sobre todo, se os recén casados ían compartir vivenda cos pais del ou dela ou, pola contra, pasaban a ocupar unha casa ou piso independente.
Tamén analizaremo-la incidencia doutros factores como a profesión ou oficio da noiva.

Entre as aportacións da noiva atopamos na meirande parte dos casos:



  • roupa de cama, principalmente xogos de sabas, pero tamén mantas, cobertores e colchas;

  • toallas,

  • manteis coas correspondentes servilletas,

  • roupa interior, camisóns e bata de casa, mañanitas,

  • o colchón,

  • a arca ou baúl no que garda-las súas pertenencias;



      O noivo aportaba, ademais da cama e outros móbeles, o traxe da noiva e os aneis (alianzas); tamén soía paga-la viaxe de lúa de mel, se a facían.

      A roupa interior e de cama que a noiva aportaba ó matrimonio cando casaban para a casa dun ou doutro era do seu uso exclusivo ata o nacemento do seu primeiro fillo e soía lavala e pranchala ela mesma; pero durante a dieta, periodo posterior ó parto, ás mulleres estáballes vedado molla-las mans na auga fría, de xeito que a roupa lavábaa outra muller da casa (a sogra, unha cuñada ou unha tía solteira) e misturábase co resto da roupa da familia. A partires deste momento deixaba de ser do seu uso exclusivo.


      viernes, 24 de julio de 2009

      As nosas recollidas na rede

      Se che interesan os temas relacionados coa cultura tradicional galega visita os nosos blogs:

      http://www.xogostradicionais.blogspot.com/

      http://www.acabravella.blogspot.com/

      martes, 21 de julio de 2009

      Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionados co viño:


      • A choiva polo San Xoán tolle o viño e non dá pan: Expresa os efectos perxudiciais da auga nunha época do ano na que as prantas e os froitos precisan sol e calor para medrar axeitadamente, en consonancia con aquel outro que di "Máis vale o que o sol deixa que o que a auga cría";

      • Con pan e viño ándase o camiño: Xa comentado noutra entrada;

      • Polo San Martiño avilla o teu viño: Marca o momento de ano no que o viño novo está en condicións de ser consumido;

      • Caír (ou tirar) o viño, sinal de alegría, caír (ou tirar) o sal, malo sinal: Superstición; cando se derramaba o viño na mesa, unha persoa mollaba nel un dedo e facíalle unha cruz na frente ós demais para darle boa sorte, pero nono podía facer a si mesma, senón que tiña que ser outro quen llo fixera;

      • Era o viño o que falaba por el: Alude ós efectos perniciosos do consumo abusivo de alcohol e, en particular, á desinhibición provocada polo mesmo;

      • O viño fai ó vello mociño: Alude ó efecto de euforia que produce a súa inxesta.

      • Bautiza-lo viño: Engadirlle auga para quitarlle máis proveito. Xa o di a copla:

      Os cregos e os taberneiros

      teñen moito parecido:

      os cregos bautizan nenos

      e os taberneiros o viño.

      lunes, 20 de julio de 2009

      Utensilios de cociña


      Solucións ás adiviñas

      (23) Pecha-los ollos, durmir;
      (24) A baralla;

      Léxico: bocois, pitotes, pipas...



      Os recipientes nos que se conservaba o viño na adega, todos eles de forma similar, recibían diferentes nomes, principalmente en función da súa capacidade:
      • Barril: máis pequeno que o bocoi;
      • Barrica: barril pequeno; este nome tamén se aplicaba ós recipientes empregados para comercializar os arenques e as sardiñas afumadas;
      • Bocoi: de gran capacidade, entre 300 e 700 litros;
      • Cuba: de gran capacidade, soía colocarse en posición vertical;
      • Fuste: pipa;
      • Pipa: máis pequena que un bocoi; entre 250 e 500 litros;
      • Pipo: pipote;
      • Pipote: pipa pequena;
      • Tinalla: non tiña tapa; era un medio bocoi que se empregaba para ferver o bagazo durante varios días antes de vertelo nas pipas;

      Os paisanos galegos raramente expresaban a capacidade dos recipientes para líquidos, principalmente o viño, en litros, senón en olas (16 litros), en moios (16 olas, aproximadamente 258 litros) ou en medios (8 olas, 125 litros); a ola galega equivale á cántara de Castela.

      Facemos notar que ó empregar como base 0 16 podían dividir varias veces por metades obtendo cantidades enteiras (16, 8, 4, 2, 1).

      domingo, 28 de junio de 2009

      Os labores do viño

      Os principais labores que precisaba o viño eran:


      • cavar;

      • fondar;

      • podar (nos meses de xaneiro e febreiro);

      • sulfatar;

      • esfollar (agosto, setembro);

      • vendimar (setembro)

      • face-lo viño;

      • avillalo (novembro);

      • face-la caña;
      Agás a vendima, na que participaban tódolos membros da familia, o resto dos labores eran responsabilidade case exclusiva dos homes, principalmente dos máis vellos da casa.

      O debuxo mostra un primitivo artiluxio para sultar feito cunha calabaza coma as que se epregaban para face-las garabanas.

      lunes, 22 de junio de 2009

      Adiviñas

      Imos para a cama,
      facelo que Deus manda,
      xuntar pelo con pelo
      e o bulebule no medio. (23)

      Ponse na mesa,
      córtase, repártese,
      pero non se come. (24)

      martes, 16 de junio de 2009

      A alimentación: o consumo de leite

      Un dos hábitos alimenticios da poboación galega que máis evolucionou co paso do tempo foi o consumo de leite, facéndoo paralelamente ó incremento da producción, de xeito que hoxe é un producto básico da cesta da compra.
      Pero o incremento do consumo non impideu que o leite pasara de ser un ben escaso a ser un producto excedente e, por conseguinte, motivo constante de preocupación para os gandeiros galegos.
      As vacas galegas producían menos leite que as actuais frisonas e boa parte da súa producción estaba destiñada á crianza dos xatos; facíanse manteiga, leite callada e queixos e o resto vendíase, adicando os seus cartos ó pago dos productos que os labregos non elaboraban e, polo tanto, debían mercar nas tendas e ultramarinos. Cando a venda non era moi cuantiosa, os cartos do leite eran administrados polas mulleres para atender ás necesidades cotiás; cando eran cantidades considerables, eran administrados polos homes.
      Só unha pequena cantidade da producción estaba destiñada ó consumo familiar, pois tomaban leite os nenos, os vellos e os convelentes dalgunha enfermidade, pero os adultos galegos hai cicuente, sesenta ou setenta nos apuro probaban o leite.

      viernes, 24 de abril de 2009

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      A ALIMENTACIÓN...


      A conservación dos alimentos:



      Cada producto alimenticio tiña a súa época do ano, sendo o verán e principalmente o outono as tempadas nas que máis abondaban as colleitas.

      Moitos deses productos consumíanse a medida en que se ían recollendo: xudías, leituga, tomates, pementos, etc., pero outros había que conservalos para seren consumidos no inverno.


      As principais técnicas de conservación eran:
      • a salazón: salábase gran parte da carne de porco e algúns pescados;


      • o afumado: afumábase carne de terneira para obter a cecina, os chourizos e algúns pescados;


      • o secado: secábanse as sementes case todas, as fabas, as herbas aromáticas, as cebolas, os allos...;


      • o envasado (despois de cociñado): a manteiga de porco ou de vaca, o doce de membrillo, as mermeladas...;


      • o enlatado: principalmente conservas de pescado;

      A diferencia dos anteriores, o enlatado non se facía nas casas, senón nas diversas fábricas establecidas nas nosas rías.










      miércoles, 22 de abril de 2009

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      Pá de ferro para quita-la borralla da lareira.

      miércoles, 15 de abril de 2009

      O PAN



      Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionadas co pan:



      • Polo pan baila o can;
      Toda aquela persoa que fai algo espera unha recompensa polo seu esforzo e tamén hai ocasións nas que é preciso ofrecer cartos ou favores se queremos obter un favor ou servizo.
      Ten unha variante:
      Polo pan baila o can
      e polo carto se está farto.
      O siñificado é totalmente diferente: cando unha persoa está necesitada fai calquera cousa con tal de satisfacer esa necesidade, pero se non é así, será moito máis esixente á hora de pechar un trato ou chegar a un acordo.


      • Poñer a alguén a pan pedir;
      Censurarlle severamente un comportamento, rexoubalo, desaprobalo publicamente.


      • Andar a pan pedir;
      Estar na miseria, carecer de recursos económicos. Sendo o pan non só un alimento básico, senón tamén a representación simbólica do que precisamos inexorablemente, andar a pan pedir é, desde o punto de vista económico, a peor situación pola que pode pasar unha persoa.


      • Con pan e viño ándase o camiño;
      Tanto o pan coma o viño teñen na cultura tradicional un carácter simbólico: o pan representa as necesidades máis elementais do ser humano e o viño as necesidades espirituais e sociais. O pan quita a fame e o viño dá alegría. Curiosamente o cristianismo escolleu estes dous elementos como base da súa liturxia.

      • A falta de pan boas son tortas;
      Se non podemos acadar aquilo polo que devecemos, temos que conformarnos con aquilo que temos. As tortas facíanse con rebandas de pan reseso molladas en leite, rebozadas en ovo e pasadas pola sartén (tortas de leite) ou simplemente tostadas na tixola e molladas en viño tinto (tortas de viño). Ás tortas de leite podían espolvorearse con canela.

      • Pan para hoxe e fame para mañán;
      Dise daquilo que, resolvendo un problema inmediato, dificulta a súa solución definitiva.


      • Pan con pan, comida de tontos;
      Podemos explicalo con outro dito "o pan pide o compango", é dicir o acompañamento doutros productos alimenticios (queixo, embutidos, chiculate...).


      • O queixo pide o pan;
      Dito gastronómico que alaba a combinación destes dous productos.


      • Gaña-lo pan;
      Traballar, esforzarse para merecer un salario ou unha recompensa.


      • Non teñen para pan e mercan estampas;
      Dise daquelas persoas con escasos recursos que, en vez de empregalos para satisfacer as súas necesidades, gástanos en adquirir cousas supérfluas.


      • Contigo pan e cebola;
      En estando coa persoa amada non nos importarán as penalidades materiais.


      • Estar a pan e auga;
      Estar castigado.


      • Non está o forno para bolos;
      Estar de mal humor ou irascible, se se refire a unha persoa; non ser o momento oportuno, se se refire a unha situación.

      • Dar o bolo (da Pascoa);
      Dar pola Pascoa o padriño e a madriña un obsequio ós seus afillados. Primeiramente o bolo era unha peza de pan de trigo, logo foi sustituído pola rosca e actualmente por figuras de chiculate e tamén outros regales calisquera ou cartos.


      • Parecer un barredoiro;
      Andar suxo.

      • Vengan días y caigan panes:

      Dise dunha persoa que traballa por conta allea e que pon pouco interés no seu traballo porque ten asegurado o seu salario.

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Tina para frega-la louza.

      OBXECTOS CURIOSOS


      Vaso plegable
      Un vaso de estaño formado por tres módulos coa súa caixa de cartón forrada de papel estampado que vin na casa da miña avoa no Concello de Vedra a comezos dos anos 60.
      O perfecto estado de conservación da caixa faime pensar que o obxecto nunca se utilizou. Probablemente chegaría á casa procedente de América, pois había emigrantes na familia.
      Hai uns anos comercializouse un obxecto similar pero con tapa, de material plástico e destiñado ós nenos.

      lunes, 6 de abril de 2009

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      Fresqueira.
      Empregábase para conservar alimentos que precisaban ventilación e, ó mesmo tempo, poñelos a salvo dos animais, principalmente dos gatos.
      Gardábanse nela sobre todo o queixo, a manteiga e o leite, tanto preso coma fervido.

      AS COCIÑAS GALEGAS


      Lareira baixa con cambota, gateira ou borralleira e columna.
      Coa introducción das cociñas de ferro, tamén chamadas "bilbaínas", algunhas lareiras desapareceron, pero outras simplemente se reduciron en tamaño e seguíronse empregando para facerlle a comida ós animais, como sistema de calefacción do fogar ou para a preparación de certos alimentos como as filloas, por ejemplo, ademáis de servir para o aproveitamento da leña que non servía para a bilbaína.

      miércoles, 1 de abril de 2009

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      Porrón, botixo
      Eran empregados principalmente polos labregos e os traballadores da construcción pola súa cualidade de mante-la auga fresca.
      Era un utensilio moi hixiénico, pois cada un tiña que beber sen toca-lo picho.
      Cando se extendeu a traída de auga desterrouse paulatinamente o uso de sellas e baldes, pero en moitas vilas a xente seguía usando os porróns para ir buscar auga para beber ás fontes e manantiais, pois desconfiaba de que a da rede municipal reunira condicións para o consumo humán.

      Os porróns de cristal empregábanse principalmente nas tabernas e para o viño.

      sábado, 28 de marzo de 2009

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      Pucheiro de barro
      Coa incorporación paulatina de utensilios doutros materiais máis duradeiros e fáciles de limpar, os pucheiros quedaron relegados á preparación de remedios caseiros e mesmo prácticas supersticiosas, pois os paisanos coidaban que o barro conservaba e incluso incrementaba as propiedades curativas ou máxicas de certas herbas.

      viernes, 27 de marzo de 2009

      A alimentación


      Os galegos soían facer cinco comidas ó día:
      • O almorzo;
      • A parva ou as once;
      • O xantar;
      • A merenda;
      • A cea;
      Os alimentos que inxerían en cada unha destas comidas variaba en función das distintas circunstancias:
      • As épocas do ano, as necesidades enerxéticas segundo as tarefas que realizaban en cada momento e os productos dos que dispoñían en cada estación;
      • As idades, o sexo e, incluso, o status familiar;
      • A posibilidade de engadir ós productos domésticos outros mercados na taberna ou no ultramarinos;
      • A capacidade económica das familias;
      • A condición da poboación (rural, urbana, marítima...);
      Os alimentos básicos da dieta galega eran o pan, as patacas, as verduras (grelos, repolo, coliflor e bretóns) e a carne de porco, que constituían unha dieta bastante monótona, pero a rutina rompíase sempre que se podía:
      • Cando se cocía o pan, aproveitábase a quentura do forno para facer empanadas de bacallao, de sardiñas, de berberechos, de carne ou "do que viñera á man, incluso de pescado en salazón", afirma unha informante do Concello de Teo;
      • As festas e celebracións tiñan cada unha delas uns menús propios, moito máis variados e elaborados;
      • Á dieta habitual engadíanse en cada momento os froitos da tempada: castañas, pementos, tomates, xudías...
      • Cando había xornaleiros no campo ou na casa (carpinteiros, costureiras, xastres...) a familia esmerábase ofrecéndolles os millores productos con que contasen (chourizos, queixo, tortillas, etc.

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Unha parte dos utensilios que podiamos atopar nas cociñas galegas tradicionais estaban relacionados coa necesidade de iluminar dalgún xeito este recinto ata que se instalou a luz eléctrica e aínda despois, xa que os cortes no suministro eran frecuentes en moitas aldeas do nosos país ata ben entrados os anos sesenta.




      Empregábanse velas, candeas, candís, mariposas, faroles...




      A vela que se levaba á igrexa o día de Xoves Santo tíñase en moito aprecio, debía durar todo o ano e encendíase só cando había tormentas, pois a superstición popular consideraba que as afastaba ou, cando menos, protexía ás persoas e ós animais que se atopaban na casa.

      AS COCIÑAS GALEGAS


      O mobiliario (2)
      Mesa de levante. Estaba adosada á unha parede por medio de dúas bisagras que permitían desplegala ou recollela según o caso; apoiábase nun só pé tamén provisto de bisagra para replegalo cando conviña. O conxunto, cando estaba recollido, suxetábase á parede na parte superior cunha corda ou unha anela.
      Era un xeito inxenioso de aproveita-lo espazo.
      Tamén había bancos de levante.

      domingo, 22 de marzo de 2009

      AS COCIÑAS GALEGAS

      O mobiliario: bancos, banquetas, tallos...
      Algúns eran feitos por un carpinteiro, que ía traballar ás casas a mantido coma os xastres, costureiras, etc. Outros eran feitos por algún home da casa.

      Banco con respaldo, soía estar situado cerca la lareira e ocupábano os máis vellos da casa. Algúns tiñan dous pés máis curtos que os outros para pousaren en parte enriba da lareira e estar así máis perto do lume.



      Banco-hucha, servía para sentarse e ó mesmo tempo para gardar utensilios de cociña que son se usaban de cotío.







      Tallo rústico, fendíase un toro de madeira pola metade e colocábanse as catro patas.




      Banquetas de diferentes feituras




      viernes, 20 de marzo de 2009

      Adiviñas

      Solución ás adiviñas:
      (19) A corda;
      (20) O plátano;
      (21) Esteban;
      (22) Un par de ovos fritidos;

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Caneco. Enchíase de auga fervendo e envolvíase nun pano para quenta-la cama no inverno. Tanto podía ter unha pequena asa na parte superior coma non a ter.

      TRABALINGUAS

      ¡Ai, como costa a costa se é costa!
      Se non costa a costa non é costa.
      (Concello de Antas de Ulla)

      ¿Como queres que queira
      se o que eu quero que me queira
      non me quere como eu quero
      que me queira?
      (Concello de Noia)

      Adiviñas

      ¿Que cousa é unha cousa que
      cando vai para o monte vai enrollada
      e cando vai para a casa vai estirada? (19)
      (Cncello de Vedra)

      Ouro parece,
      plata non é,
      o que non o acerte
      ben burro é. (20)
      (Común en toda Galicia)

      Este banco está ocupado
      por un pai e por un fillo;
      o fillo chámase Xan
      e o pai xa cho dixen. (21)
      (Concello de Santiago de Compostela)

      Entre dos pares de blancas
      hay una flor amarilla
      que se le puede ofrecer
      al mismo rey de Castilla. (22)
      (Concello de Mesía)

      jueves, 19 de marzo de 2009

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      Para face-la queimada.

      TRABALINGUAS

      Unha vella sesa, seca,
      casou cun vello seco, seco
      e secos quedaron os dous.
      (Concello de Vedra)

      Tengo un pañuelo de cuatro puntas,
      de punta fina y de fina punta;
      de punta fina y de fina punta,
      tengo un pañuelo de cuatro puntas.
      (Concello de Vigo)

      martes, 17 de marzo de 2009

      Adiviñas

      Solución ás adiviñas:
      (18) Os chourizos e o gato.

      UTENSILIOS DE COCIÑA


      Medida para o leite.

      AS COCIÑAS GALEGAS


      O forno constituía un elemento de gran importancia nas cociñas galegas, sendo excepcionais os casos nos que se atopaba fóra deste recinto, a non ser que se fixera o pan para vender.
      Ás veces estaba situada detrás da lareira para aproveita-lo espazo.

      Era unha construcción de pedra, ás veces revestida de ladrillo para gardar millor o calor; "liberada" ou adosada a unha parede maestra, composta de bóveda, porta de madeira, soleira e borralleira, tamén chamada esta "pateira" ou "gateira", que servía para almacena-la cinza (borralla) que logo sería empregada como abono misturada co estrume das cortes.

      A soleira era unha pedra a modo de repisa que sobresaía do forno.
      A bóveda podía sobresaír ó exterior da casa.

      O forno quéntabase con toxo, despois barríase ben barrido cunha xesta e a masa introducíase coa axuda dunha pá, redonda ou cadrada, que servía tamén para retira-lo pan despois de cocido.

      A porta selábase para non desperdicia-lo calor con bosta seca de vaca, con barro ou con masa de fariña de millo.

      Despois de feito o pan, a quentura do forno aproveitábase para facer empanadas, roscas, biscoitos ou asados.

      Os labores relativos á feitura do pan (cocedura) estaban rigurosamente distribuídos entre os compoñentes da unidade familiar:
      • Os homes traían o toxo e quentaban o forno; ás veces tamén enfornaban;
      • As mulleres amasaban, facían moletes, bolos e bolas, enfornaban e coidaban da cocedura, retiraban o pan do forno e facían as empanadas;
      • Os nenos recollían a bosta ou o barro para sela-la porta.
      Era un labor que requería boa parte do día.

      A participación da muller na elaboración do pan aparece recollida no cancioneiro popular:
      Esta nena pequeniña
      heina de aprender a todo,
      a cocer e a amasar
      e a mete-lo pan no forno.
      Trátase dun arrolo común en toda Galicia.

      Vaite de aí, sapoconcho,
      mañán teño que cocer,
      se non teño barredoiro,
      contigo hei de barrer.
      Trátase dun copla de desafío entre un home e unha muller.

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Espumadeira.

      Adiviñas

      Pinguilí pinguilí está pingando
      e minguilí minguilí está mirando;
      se pinguilí pinguilí caera,
      minguilí minguilí o comera. (18)
      (Concello de Noia)

      Se che interesan os contidos do noso blog,

      podes visitar tamén:

      www.xogostradicionais.blogspot.com

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Peneira.
      Similar á peneira é o cribo, pero a peneira tamiza máis fino.

      domingo, 15 de marzo de 2009

      Adiviñas

      Solución á adiviña:
      (17) A cebola.

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Morteiro, almirez.

      TRABALINGUAS

      Por la puerta Fajera,
      camino de Conjo,
      había un conejo
      detrás de un tojo.
      Le tiré una teja
      y le di en un ojo,
      escapa conejo
      si no te cojo.
      (Concello de Santiago de Compostela)

      Adiviñas

      Tacón sobre tacón,
      tacón do mesmo pano,
      se non cho digo eu
      non acertas nun ano. (17)
      (Concello de O Pino)

      Presenta a variante:
      Capelo sobre capelo,
      capelo do mesmo pano...
      (Concello de Vedra)

      UTENSILIOS DE COCIÑA

      Os almanaques
      Nas cociñas galegas non podía faltar un almanaque pendurado nun lugar ben visible, no que os apisanos atopaban información sobre os días santos ou festivos, as fases da lúa e as onomásticas cada día. Case sempre nos almanaques figuraba a publicidade dalgún ultramarinos, taberna ou taller da parroquia ou do máis próximo a ela e soían ser un obsequio do anunciante. Os almanaques de parede aínda se seguen empregando, pero en menor proporción pola competencia dos de peto e dos de sobremesa.




      Ademais do almanaque de parede, en case tódalas casas atopábanse "O Gaiteiro de Lugo", que aparecera xa no ano 1857, ou "O Zaragozano", editado este por primira vez hacia o ano 1840.




      Nos anos 70, cando se deixou de publicar temporalmente "O Gaiteiro", apareceron "O Mintireiro verdadeiro" e outros almanaques agrícolas similares de menos popularidade e ofrecidos case sempre polas casas comerciales que ofrecían os productos ós labregos.