jueves, 29 de julio de 2010

A alimentación: o consumo de leite (2)

O leite non se mercaba nas tabernas.
As familias que precisaban mercalo porque non tiñan vacas poñíanse de acordo con outras familia, non precisamente a máis próxima, senón algunha coa que tiveran algún tipo de parentesco, sanguíneo ou espiritual, porque en Galicia o adquirido por matrimonio ou apadriñamento era un parentesco incluso máis sagrado que o outro, ou, simplemente, confianza.
O leite así adquirido soía pagarse por semán, por quincena ou por mes.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
Un dos labores que debía facer cando era nena no tempo que non había escola, poiscando a había anoitecía moi cedo, era o de ir á tardiña buscar unha botella de leite á casa da R., que quedaba a uns cinco minutos da miña casa atravesando a carballeira.
Levaba unha botella das gaseosas de un litro. Xa desde a corredoira ouvía ladrar o can que estaba ben atado no fondo da eira e non podía alonxarse do seu cocho o suficiente para trabarme. Poñéndome na punta dos pés, mentres xuxeitaba coa man direita a botella da gaseosa polo ferro que facía presión para que pechara hermeticamente, despois de varios intentos, acababa por chegarlle ó manubrio do portal de ferro coa man esquerda e abri-la folla da direta o suficiente para introducirme de lado e, seguindo as paredes da casa, chegar ata a cociña na que se atopaba Lola, a muller do home da casa (pois a muller da casa seguía sendo a súa sogra) quen despois de darme unhas galletas, unha onza de chiculate ou unha peza de froita e de interesarse pola saúde de miña avoa, levábame agarimosamente da man á corte para muxir unha vaca; tiña anta habilidade que enchía directamente a botella sen que se perdera unha soa gota de leite.
Poñíame a botella con coidado na man e sentíaa morna; era a mesma sensación que sentía cando era máis pequena e me collía no seu colo para que poidera observar como o seu neno durmía placidamente no berce...
A meirande parte dos nenosda miña idade non poidían facer este mandado porque polo camiño bebían parte do leite e logo, para que non se notara, botábanlle auga, cando non mexaban nel, pero a mi o leite só, fervido ou non, nunca me gustou; cando non tiña idade para tomalo con café e aínda non se popularizara o Cola-cao, tomábao con cascarilla...

No hay comentarios:

Publicar un comentario