martes, 17 de marzo de 2009

AS COCIÑAS GALEGAS


O forno constituía un elemento de gran importancia nas cociñas galegas, sendo excepcionais os casos nos que se atopaba fóra deste recinto, a non ser que se fixera o pan para vender.
Ás veces estaba situada detrás da lareira para aproveita-lo espazo.

Era unha construcción de pedra, ás veces revestida de ladrillo para gardar millor o calor; "liberada" ou adosada a unha parede maestra, composta de bóveda, porta de madeira, soleira e borralleira, tamén chamada esta "pateira" ou "gateira", que servía para almacena-la cinza (borralla) que logo sería empregada como abono misturada co estrume das cortes.

A soleira era unha pedra a modo de repisa que sobresaía do forno.
A bóveda podía sobresaír ó exterior da casa.

O forno quéntabase con toxo, despois barríase ben barrido cunha xesta e a masa introducíase coa axuda dunha pá, redonda ou cadrada, que servía tamén para retira-lo pan despois de cocido.

A porta selábase para non desperdicia-lo calor con bosta seca de vaca, con barro ou con masa de fariña de millo.

Despois de feito o pan, a quentura do forno aproveitábase para facer empanadas, roscas, biscoitos ou asados.

Os labores relativos á feitura do pan (cocedura) estaban rigurosamente distribuídos entre os compoñentes da unidade familiar:
  • Os homes traían o toxo e quentaban o forno; ás veces tamén enfornaban;
  • As mulleres amasaban, facían moletes, bolos e bolas, enfornaban e coidaban da cocedura, retiraban o pan do forno e facían as empanadas;
  • Os nenos recollían a bosta ou o barro para sela-la porta.
Era un labor que requería boa parte do día.

A participación da muller na elaboración do pan aparece recollida no cancioneiro popular:
Esta nena pequeniña
heina de aprender a todo,
a cocer e a amasar
e a mete-lo pan no forno.
Trátase dun arrolo común en toda Galicia.

Vaite de aí, sapoconcho,
mañán teño que cocer,
se non teño barredoiro,
contigo hei de barrer.
Trátase dun copla de desafío entre un home e unha muller.

No hay comentarios:

Publicar un comentario