martes, 3 de marzo de 2009

TRABALINGUAS

Na cultura tradicional galega o trabalinguas teñen dúas funcións primordiais:

1) Unha función educativa exercida polos máis vellos, principalmente os avós e as avoas, sobre os máis pequenos, de xeito que estes aprendan a pronunciar correctamente letras (o R, o CH, etc.) ou grupos de letras (TR, BL, etc.); a vocalizar sonidos diferentes que tenden a confundirse cando están próximos (tristes tigres), practicando a logopedia sen pretendelo mentres disfroitan dun xogo.
Tamén o neno aprende a memorizar sen esforzo secuencias empregando a lóxica, o paralelismo (Teño unha cabritiña...) e, sobre todo, o ritmo e a rima. Estes últimos recursos mnemotécnicos son imprescindibles nos trabalinguas tradicionais e a principal razón pola que os informantes non os trasladan á súa lingua materna, senón que os repiten tal como os aprenderon.
Ó teren unha importante compoñente musical perduran na memoria ainda naqueles casos nos que esta se vexa gravemente afectada por algún proceso de envellecemento patolóxico.

2) Unha función social a traverso da que os máis vellos se autoafirman como posuidores dunha sabencia da que carecen os máis novos, millorando así a súa autoestima e mesmo facendo aflora-lo espíritu competitivo cando na xuntanza hai máis dun adulto maior.

A aprendizaxe dos trabalinguas formaba parte da formación que o neno recibía na casa; esta tarefa estáballe encomendada ós máis vellos da familia e levábase a cabo as máis das veces ó anoitecer, ó calor do lume da lareira ou nos longos momentos que avós e netos pasaban xuntos co gando no monte.
Hoxe moitos nenos non conviven cos seus avós, pero, afortunadamente, os trabalinguas foron incorporados tanto á aprendizaxe formal (nas escolas) como ós programas de "Contacontos" que algunhas asociacións de persoas maiores desenvolven en Centros Socioculturais, bibliotecas públicas e mesmo pubs e salas de espectáculos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario